Acceso á Secretaría Xeral do Benestar
Participa
Inicio
Contacto
Mapa Web
Benestar Galiza

Presentación Vicepresidente

A REVOLUCIÓN TRANQUILA DO BENESTAR

A “revolución tranquila” do benestar que ten encetado a Vicepresidencia está en marcha. O cambio no modelo paternalista dos servizos sociais empezou e agora temos que darlle soporte legal. A nova Lei de Servizos Sociais de Galiza será o esqueleto no que se asente este cambio. Esta Vicepresidencia traballa arreo para cambiar as cousas, para que os galegos e as galegas teñan un auténtico sistema de servizos sociais universais, para todos e todas. Este era o primeiro compromiso do novo Goberno coa cidadanía.

Para este cambio necesitamos socios e agora máis ca nunca precisamos as aportacións de todos os sectores implicados neste cambio do modelo para enriquecer un texto, o Documento de Bases, que se ten que convertir na Lei de Servizos Sociais que coloque a Galiza no lugar que lle corresponde dentro do Estado e de Europa en materia de prestación de servizos sociais. Estamos a reformar o marco legal actual e esta lei ten que ser o espazo de dereitos que se adapte á nova realidade social e económica de Galiza, que garanta uns servizos universais para todos os galegos e as galegas e que permita xestionar o sistema de cara ao futuro.

Esta lei será a primeira que este Goberno faga coa participación de todos e todas. O cambio experimentado en Galiza hai un ano ten servido para que esa participación se teña convertido no centro da actividade do país. Por iso vos animo a todos a participar, a aportar o voso grao de area a este texto, porque só así poderemos enriquecelo, pegalo á realidade e ás necesidades que ten Galiza.

Esta web quere ser o espazo de encontro para levar a cabo esta importante tarefa, nela atoparedes toda a información sobre o Documento de Bases elaborado pola Vicepresidencia e todos os mecanismos e canles de participación para facer as vosas aportacións. Esta Vicepresidencia quere ademais que esta participación se convirta en costume. Todos os documentos que elaboramos na área de benestar, coma o Plan de Menores ou un específico para o colectivo xitano, sigan este mesmo sistema, sexan ou non leis. Por iso esta web terá todos e cada un destes documentos, para que os vexades, para que os avaliedes e para que aportedes a vosa experiencia.

No acordo de goberno asinado por BNG e PSdeG nos comprometimos a levar a cabo este importante proceso. Apenas un ano despois todo está en marcha, as bases para este novo sistema integrado de servizos sociais están listas e precisan da colaboración de todos e todas para convertirse en lei, nunha lei que debe ser o máximo reflexo do cambio político vivido en Galiza, unha lei que nos iguale a todos no acceso aos servizos sociais públicos e nunha lei que faga responsable ao goberno do importante papel que ten neste eido como garante do sistema.

Rematou o tempo en que as entidades de carácter privado tiveron que suplir ao goberno galego nas súas responsabilidades sociais, rematou o tempo en que a Administración operaba únicamente coma unha expendidoría de subvencións. O novo Goberno galego, e nomeadamente a Vicepresidencia, non vai a consentir que Galiza siga á cola do Estado nas súas ratios de cobertura na prestación de servizos sociais. Este país ten agora un goberno comprometido e responsable, un departamento que aglutina todas as competencias en materia de servizos sociais e lles da rango de Vicepresidencia, un goberno que fai política pensando un pouco máis na xente e menos no cemento.

As bases están sentadas e para que se convirtan no marco legal da prestación dos servizos sociais en Galiza precisan de todo o que teñades que aportar, da vosa participación e compromiso. Aquí e agora vos convido a non deixar pasar esta oportunidade para ser os auténticos protagonistas do cambio do sistema de servizos sociais galego. O noso compromiso é claro: analizaremos e valoraremos todas e cada unha das vosas aportacións a este texto. Traballando xuntos conseguiremos dunha vez por todas o Sistema Galego de Servizos Sociais que merecemos como país.

Anxo Quintana, Vicepresidente da Xunta

Aportacións ao documento de bases Quero recibir información
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Secretaría Xeral do Benestar. www.benestargaliza.org
Aviso Legal | Accesibilidade Web | Datos Contacto |Webmaster